Cabarets

Un produto para gourmets, a flor e nata, la crême de la crême. Deguste os sketchs máis deliciosos, as maiores proezas condensadas, chega agora a compilación cos maiores éxitos de PistaCatro, the very best of, unha verdadeira antoloxía dos mellores momentos de cada artista reunidos nun só volume: Cabarés PistaCatro.

A fórmula do Cabaré colectivo sempre foi unha das especialidades de PistaCatro. Os Cabarés de PistaCatro inscríbense na mellor tradición dos espectáculos de variedades, tanto dos circos coma do music-hall, onde se poden mesturar os números de malabares, a canción, os sketchs de humor, os monólogos, as acrobacias e os pasos de claqué, entre outros. Ofrécese así ó público un espectáculo multidisciplinar e variado a cargo dun determinado número de artistas que dan o mellor de si mesmos en pequenas pezas de cinco ou dez minutos. Todo isto conducido por un mestre de cerimonias, que se encargará de fomentar a participación do público, de aportar o ton cómico e de administrar as pequenas doses de arte concentrado.

Este formato permite unha grande adaptabilidade en canto á duración e ós contidos do espectáculo, segundo o negociado co contratante.